Carballo a un paso

Compartir:

Cinco anos de Carballo Handball Festival

Máis de 500 nenos e nenas de 52 equipos desfrutarán unha edición máis de tres días de balonmán e convivencia do 18 ao 20 de abril

Carballo Handball Festival

Carballo será por quinto ano consecutivo a capital do balonmán de base coa celebración do Carballo Handball Festival. Dez equipos galegos, outros cinco chegados de Cantabria, Asturias, Castela e León e Extremadura, ademais do anfitrión, o Balonmán Xiria, mobilizarán en Carballo a arredor de 800 persoas durante os tres días de duración do festival, entre o 18 e o 20 de abril, en plenas vacacións de Semana Santa. Os pavillóns Vila de Noia, Carballo Calero e o CEIP Fogar acollerán os encontros desta cita na que competirán máis de 500 rapaces e rapazas e 52 equipos -infantís, alevíns e benxamíns masculinos e femeninos- de 16 clubs: serán case 120 partidos que terán lugar, no caso da categoría infantil, nos pavillón do CEIP Fogar e Carballo Calero; e no caso da competición alevín e benxamín no polideportivo Vila de Noia.

De todos os participantes -ademais do anfitrión, o Ademar León, Gijón Jovellanos, BM Ribadesella, BM Sinfín (Santander), BM Pacense (Badajoz) e os galegos BM Camariñas, At. Novás, At. Guardés, BM Rodeiro, BM Narón, BM Brigantium, BM Rasoeiro, Luceros e BM Rasoeiro- a organización quere subliñar a presenza do Pacense de Badajoz, por ser a súa primeira vez na cita carballesa; e do Atlético Guardés, toda unha referencia no balonmán feminino galego e español. Ademais, un dos obxectivos do festival é o de converter o deporte nun motivo de convivencia. Así, moitos dos participantes durmirán xuntos e todos compartirán comida ao mediodía e poder así construír ligazóns a través do deporte.

Semana Santa

A cita está organizada polas Escolas de Balonmán Xiria coa colaboración do Concello de CarballoCarballo Deporte e Carballo a un paso, e co patrocinio de Conservas Calvo. O adestrador do primeiro equipo do Balonmán Xiria, Fernando Vázquez, subliña que o festival non deixa de medrar: "Seguimos mantendo as cifras de anos anteriores, o que nos enche de orgullo, sobre todo porque nestas datas temos que competir con outros torneos consagrados desde hai moitísimos anos, como o Handebol Mania portugués ou o Corrales santanderino".

Se sodes amantes do deporte e vos apetece ver aos cativos e cativas gozando da práctica do balonmán, tendes unha cita en Carballo en Semana Santa. Ademais, poderedes probar a nosa gastronomía, ver as nosas praias, as nosas paisaxes de interior e férvedas e a nosa arte urbana, que inza a vila de cor e fantasía. Non tendes excusa para non vir!


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica