Carballo a un paso

Compartir:

É unha pasada ver como se fala de Carballo en calquera parte do mundo

Sonia Méndez Alonso, pregoeira do San Xoán 2019

Sonia Méndez

Sonia Méndez

É viguesa de nacemento e coruñesa de adopción aínda que na súa folla de ruta non existen límites nin fronteiras. Só a rede! De pequena soñaba con ser actriz. Tíñao tan claro que con tan só 11 anos decid¡u comezar a converter o seu soño en realidade e púxose a estudar interpretación. Aos 20 anos durante a rodaxe da serie da TVG Terras de Miranda, descubriu que detrás da cámara agochábase outra das súas paixóns: a dirección audiovisual. Tras formarse en escolas de cine de Barcelona e Cuba, lanzouse a dirixir curtametraxes (e xa van cinco), que compaxinou coa súa aparición en películas como Rafael de Xabier Bermúdez, Una mujer invisible, de Gerargo Herrero, ou El sexo de los ángeles, de Xavier Villaverde e en series de televisión como Terras de Miranda, Los Atlánticos, Serramoura (TVG) ou Cuéntame (TVE).

A este currículo de vertixe, 2019 está a sumar novos e moi importantes retos profesionais á súa meteórica carreira, que asume con moitas gañas e enorme ilusión. Ademais da estrea como directora de Antes de perder, a súa primeira serie dixital para a plataforma Playz, no mes de marzo incorporou ao seu bagaxe a dirección da gala dos XVII Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual e en abril situouse á fronte, por sexto ano consecutivo, do Carballo Interplay, o primeiro festival de series web e contidos dixitais do estado español, do que tamén é fundadora. Agora, o mes de xuño volve a traer a Sonia Méndez Alonso ao Concello de Carballo para concederlle un novo recoñecemento: ser a pregoeira das festas de San Xoán 2019.

Como recibiches a nova de ser a pregoeira do San Xoán?

Con moita sorpresa e moita honra.

Es de Vigo e vives na Coruña, como xorde a túa relación con Carballo?

A miña relación con Carballo xorde dunha desas marabillosas casualidades da vida. Vin a Carballo acompañando a unha amiga, ela pintou o primeiro mural, antes de que existise o Rexenera. Así foi como coñecin a Xosé Regueira. El coñecía o meu traballo en audiovisual e propúxome facer algún tipo de evento audiovisual en Carballo. Eu tiña a idea de facer o primeiro festival de webseries estatal desde facía tempo, desenvolvina e ata agora.

San Xoán é unha das miñas festas favoritas do ano. Porque chega o verán... É unha noite máxica.

Que é o que máis che gusta do noso Concello?

Razo e Baldaio son espectaculares. Ah, e encántame o Monte Neme, unha paisaxe moi alieníxena que non vin en ningures.

E do San Xoán?

San Xoán é unha das miñas festas favoritas do ano. Porque chega o verán e porque son signo de lume... É unha noite máxica.

Es das que salta a cachela cada 23 de xuño?

Sempre.

Cal é o recordo máis especial que gardas desta celebración?

Calquera San Xoán con amigas e amigos é especial.

Sonia Méndez no Carballo Interplay 2019 / Foto: David Tombilla

Méndez no Interplay 2019 / 📷 David Tombilla

Non hai máis que botar unha ollada ao teu currículo para darse de conta de que convertes en éxito todo o que tocas. Series de televisión, películas, producións dixitais, a última gala dos Premios Mestre Mateo, o Carballo Interplay... Cal é o segredo?

Non sei se o converto en éxito, non creo que sexa tanto. O segredo supoño que é traballar moito e poñerlle moita paixón.

Ademais dunha traballadora incansable, es unha muller comprometida e implicada activamente na loita pola igualdade de xénero que defendes desde a Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA) da que es membro. Hai mulleres facendo cine no noso país? Existen suficientes referentes femininos? 

Non, lamentablemente hai moi poucos referentes. Durante todos os meus anos de formación nunca se me falou de ningunha muller directora, nin unha. A que non sabes quen é Alice Guy? Pois foi a primeira muller realizadora dun filme, nos inicios do cinema! Hai mulleres, claro que si, pero están silenciadas. Queda moito por facer.

E falando no noso, o Interplay é cousa deles ou delas?

O Interplay é cousa de todas e todos. É certo que no equipo somos maioría de mulleres, pero iso para min non é ningunha nova. Son as profesionais máis idóneas para o traballo.

Ano tras ano, Carballo logra converterse no epicentro mundial dos contidos dixitais con webseries de primeiro nivel e convidados e convidadas de sona internacional. Logo de seis edicións, cal é a túa valoración do festival?

O festival medra e faise máis importante cada ano, chega cada vez máis lonxe e pon a Carballo no mapa dun xeito vangardista e innovador. É unha pasada ver como se fala de Carballo en calquera parte do mundo. A miña valoración é moi positiva. O Interplay ten moito futuro.

Vivir de calquera cousa relacionada coa arte é complicado, pero si se pode. Con traballo, perseveranza e sorte

Conferencias, obradoiros, encontros, proxeccións, masterclass... Seguiremos sumando actividades e enxeño en 2020? 

Mentres o Concello de Carballo queira, nós seguiremos traballando e sumando, claro.

Pódese vivir das producións dixitais?

Depende. Eu acabo de facer unha produción dixital para RTVE totalmente profesional. Agora hai máis vías que antes. Vivir de calquera cousa relacionada coa arte é complicado, pero si se pode. Con traballo, perseveranza e tamén sorte, non nos imos enganar.

Ademais de directora e produtora audiovisual, es redactora de guións e actriz. Que faceta che apaixona máis?

Son cousas totalmente diferentes. Prefiro non escoller. Gústame calquera delas, pero claro, a dirección é o que máis me tira...

Sonia Méndez na rodaxe de Antes de perder

Sonia Méndez na rodaxe de Antes de perder

Antes de perder é a túa primeira serie dixital como directora, que tal foi a experiencia?

Marabillosa. Moitos anos agardando a que o proxecto saíse adiante, desfrutei cada segundo da rodaxe. Nunca sabes se poderás volver gravar. Custa moito sacar os proxectos adiante, así que, cando por fin o consetues, o seu é desfrutar e vivir cada paso. Fun moi feliz con Antes de perder.

En que proxectos estás traballando na actualidade?

Nun documental sobre Luz Fandiño coa miña produtora, Cósmica Producións, que teño a medias coa miña socia, Nati Juncal. Hai algún proxecto máis por aí, pero de momento non é seguro. Se estades buscando unha directora... teño tempo 😉

De nena querías ser actriz. Que soños persegues agora?

Poder seguir vivindo disto e non perder nunca a capacidade de soñar.

SONIA, EN ZONA PRO

Un lugar para desconectar: o Monte da Magdalena na miña aldea, Eiras do Rosal.

A canción máis PRO: Incinerate, de Sonic Youth.

O libro máis lido: City, de Alessandro Baricco.

O primeiro que fas ao levantarte? Poñerlle unha lata aos meus gatos.

E o último antes de deitarte? Desconectar a wifi do móbil.

Un olor: vainilla.

Un recordo: calquera verán da miña infancia.

Un proxecto: facer unha serie de adolescentes nunha vila pequena galega.

Unha comida: fideos con ameixas.

Unha afección: ler.

Rede social: Instagram.

Na equipaxe sempre: un libro.

Un vicio confesable: tomar unha cervexa fría con colegas.

Peli ou serie? Ummm... depende da peli, depende da serie e depende do día.

Intérprete ou influencer? Intérprete.

Concerto ou verbena? Concerto.

Outra profesión: astronauta.

Entrevista de YOLANDA ANTELO para a Revista do San Xoán 2019.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica