Carballo a un paso

Compartir:

Carballo percorre os seus edificios máis emblemáticos no calendario de 2022

Pode recollerse de balde no Museo de Bergantiños, a Biblioteca Rego da Balsa, o Fórum, o Pazo da Cultura, a Casa do Concello e o Mercado

Portada do calendario 2022

Portada do calendario 2022

2 de decembro de 2021 - Xa está na rúa o almanaque do Concello de Carballo para o 2022! E a protagonista do calendario editado pola Concellaría de Normalización Lingüística é a arquitectura. A publicación fai un percorrido por 12 dos edificios máis emblemáticos de Carballo, como o Mercado Municipal, a Casa do Concello, o Fórum Carballo, a Biblioteca Rego da Balsa, o Museo de Bergantiños, o Pazo da Cultura, as antigas escolas do Xardín, a igrexa de San Xoán Bautista, a capela da Milagrosa, o Casino, a estación vella de trolebuses e os depósitos da auga. A idea xurdiu dun traballador da Oficina Técnica do Concello de Carballo, Xaime Díaz Alonso. E non foi cousa dun día, senón que vén de lonxe, concretamente do curso de verán sobre arquitectura que organizaron no ano 2012 a Universidade da Coruña e o Concello de Carballo, e que tamén foi o xerme do proxecto de arte urbana Derrubando Muros con Pintura.

O calendario de 2022 foi realizado por Xaime Díaz e poderá recollerse de forma gratuíta ata fin de existencias

Xaime Díaz leva varios anos traballando no proxecto Carballo. Guía ilustrada de arquitectura, que inclúe máis de 50 planos, máis de 120 fotografías e máis de 65 edificios. E este calendario constitúe só a primeira entrega dunha iniciativa que irá moito máis alá. “A documentación –explica Díaz- está representada mediante tres medios: a ilustración, a fotografía e a ficha identificativa con datos dos edificios seleccionados. Para realizar este minucioso traballo, Xaime Díaz contou coa colaboración da súa filla, Clara Díaz Pan, enxeñeira, que se encargou do deseño gráfico, a maquetación e a portada; e do seu sobriño Diego Díaz Mosqueira, arquitecto, que é o autor das fotografías.

Concienciar sobre a importancia do patrimonio

Xaime Díaz (de pé) na presentación do calendario

Xaime Díaz (de pé) na presentación do calendario

O resultado é un traballo serio, rigoroso, sobrio e elegante, e que, ademais, como apunta o autor, ten tres obxectivos principais: “Primeiro, documentar da forma máis obxectiva posible o noso patrimonio arquitectónico. Para iso non dubidamos en incluír, ademais dos edificios máis antigos, as construcións máis recentes e outros tipos de intervencións na vía pública. En segundo lugar, convencer de que a arquitectura, a paisaxe e o urbanismo que nos rodean son no seu conxunto un ben que nos constrúe como sociedade. E, por último, concienciar da responsabilidade social con respecto á conservación do patrimonio”. Xaime Díaz, que desculpou a ausencia dos seus compañeiros de traballo, por motivos laborais e de saúde, quixo dedicar o calendario aos seus pais, Herminia e Antonio, este último tamén presente no acto, e ao seu irmán José Antonio.

O calendario está dispoñible de balde no Museo de Bergantiños e Oficina de Información Turística de Carballo, pero tamén na Casa do Concello, o Pazo da Cultura, o Fórum Carballo, a Biblioteca Rego da Balsa e o Mercado Municipal. Quen o desexe poderá recollelo ata fin de existencias.


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica