Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Carballo, pioneiro na organización de obradoiros...

Compartir:

Carballo, pioneiro na organización de obradoiros de integración lingüística

Se hai pouco que chegaches a Galicia e a Carballo e che gustaría aprender a falar en galego, podes facelo de forma gratuíta

Levámolo facendo dende 2005. O que? Usar o galego para acoller, para integrar. Carballo é pioneira na organización de obradoiros de integración lingüística dirixidos a persoas que non naceron en Galicia pero que viven aquí. Hoxe por hoxe, a nosa vila é un dos dous únicos lugares de todo o país onde se poden cursar. Este ano vén de abrirse o prazo de inscrición a esta nova edición que comezará a partir do mes de febreiro e se prolongará até abril.

Queres coñecer a xente que, coma ti, procede doutros países e agora está a vivir ou a pasar unha tempada en Carballo?  Gustaríache que che dixesen: "Que rápido aprendiches galego"? Tes curiosidade por coñecer o significado de verbas como agarimo, carballo ou choscar? Se é así, se a resposta é afirmativa a estas preguntas que che formula o noso Servizo de Normalización Lingüística, interesarache a súa proposta. Dende o 11 de febreiro ao 3 de abril, terá lugar un obradoiro práctico e gratuíto, de catro horas semanais, no que poderás aprender máis sobre a lingua, a música, os costumes, a prensa, a literatura, ou a xeografía galegas. Xa podes inscribirte, en horario de mañá, ou ben chamando ao Pazo da Cultura (981704304) ou ben indo en persoa (rúa do Pan, s/n).

O galego con mil acentos

A anterior fornada do obradoiro

A anterior fornada do obradoiro

Son moitos os motivos polos que che pode interesar: para facilitar a busca de emprego no noso concello, para coñecer mellor a nosa cultura, para ensinarlles o galego aos teus fillos,  ás túas fillas, para axudarlles cos deberes, porque é a lingua dos teus parentes, porque che gusta aprender idiomas, para relacionarte mellor coas persoas galegofalantes, para entender as letras das cancións en galego, para sentirte máis de aquí, porque che encanta…

Por esta e por outras moitas razóns inscribíronse as trinta persoas que participaron na última edición, celebrada hai pouco máis dun ano. Procedían dun total de 14 países diferentes e deixaron testemuño da súa experiencia (en galego, como non) nun vídeo con máis de 1500 reproducións en youtube, que che axuntamos. Nel poderás escoitar o galego falado con acento de México, Venezuela, Chile, Brasil, Colombia, Cuba ou Romanía.


Dende 2005

O Servizo de Normalización Lingüística leva organizando estes obradoiros xa dende 2005. Hoxe en día, só se poden cursar no concello de Ames e mais aquí. Os seus propósitos son diferentes aos que pretende un CELGA, o sistema oficial de certificación de coñecemento en galego. Mentres os cursos CELGA se centran só nos coñecementos exclusivamente lingüísticos, este obradoiro vai acompañado de toda unha serie de actividades (dende ir á feira ou ao teatro, a ver cine en galego ou achegarse á súa literatura) que pretenden facilitar a integración na sociedade carballesa. 

O ensino da lingua é tamén moito máis práctico ca nos CELGA, con propostas como a elaboración dun currículo en galego. O obradoiro deste ano prolongarase ao redor de case dous meses, e terá lugar os martes e os xoves en horario de cinco e media a sete e media da tarde.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica