Carballo a un paso

Compartir:

Comeza a venda de bonos e entradas para o 30 FIOT!

Dende o luns 20 de setembro as e os espectadores xa poden adquirir os tickets para os espectáculos do festival en ataquilla.com

Entradas 30 FIOT

20 de setembro de 2021 - A partir do luns 20 de setembro saen á venda os primeiros bonos e entradas da 30ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT. O certame de artes escénicas, que este ano se celebra entre o 24 de setembro e o 29 de outubro, activa así a posibilidade de adquirir, con antelación, os billetes para asistir aos espectáculos da súa programación, que recolle unha ampla diversidade de propostas para todos os públicos. O luns 20 a partir das 10.00 horas, o público xa pode adquirir a través da plataforma dixital www.ataquilla.com as entradas para Rúa dos Contos, a liña de programación que abre a 30ª edición do festival o venres 24.

Como novidade, por primeira vez o FIOT dá a posibilidade de adquirir un bono para case unha ducia de espectáculos da Rúa dos Contos. Estes bonos, dun prezo de 20 euros (máis gastos de xestión), darán acceso a un total de 11 sesións como son as de Caxoto, Pepo Suevos, Oswaldo Digón, O’Leo Arremecaghona, The Tetas Van, Izquierdo Sisters, Ángela Triana, Arantxa Treus, Talía Teatro, Paula Carballeira e Fran Rei. Mais aquelas persoas que prefiran adquirir as entradas soltas para cada unha destas propostas, tamén poden facelo. As entradas individuais da Rúa dos Contos teñen un prezo de 3 euros (máis gastos de xestión), agás no caso dos dous espectáculos que, ao abeiro da ‘Noite de troula’ no Mercado Municipal, ofrecerán Xosé A. Touriñán e Luis Piedrahita (10 euros, máis gastos de xestión, cada entrada).

OTNI e FIOT Fónico

O luns tamén se activa a venda de entradas para o XI Ciclo OTNI, con espectáculos como Technocracia, a creación festiva e de convite ao baile que Funboa Escénica ofrece no mercado na noite o sábado 25; ou Ronem Ram, de Onírica Mecánica, o 15 de outubro. As entradas, nos dous casos, custan 5 euros. Para a sesión virtual deste último, nomeada RonemRam.0 e que terá lugar o 14 de outubro, o prezo é de 3 euros. Este ciclo OTNI, tal e como se anunciou na presentación, tamén contará con funcións gratuítas de FIOT Fónico (A lúa, válvula de spray e O espello que arde, que se estreará o 1 de outubro), nas que se terá que facer unha reserva previa, a través do correo electrónico fiot.fiotfonico@gmail.com, e para coñecer o work in progress que Marta Valverde está desenvolver no Concello de Carballo súa nova creación 30’ 70 60’ 120, na que mestura o live cinema e a conferencia performativa.

Programación de sala

A partir do venres 24 de setembro, tamén ás 10.00 horas, activarase o segundo tramo de venda de entradas. Neste caso, serán os bonos do Programa de Sala, un número limitado de billetes para todos os espectáculos desta liña de programación, entre os que se inclúen as propostas de Manolo Alcántara, Yllana ou Ron Lalá, entre outras, e que terán lugar a partir do 2 de outubro no Pazo de Cultura de Carballo. Este prazo estará vixente até o luns 27, incluído. A partir do martes 28, desde as 14.00 horas, o FIOT activará o terceiro tramo de venda de entradas e porá á disposición do público, tamén en ataquilla.com, os billetes individuais para as funcións do Programa de Sala e para outra das grandes novidades desta 30ª edición: o FIOT en Ruta, dous espectáculos coas compañías Berrobambán e Chévere e que terán lugar os días 8 e 12 de outubro nos centros sociais de Cances e Berdillo.

Metro cadrado

Tal e como é habitual no FIOT, a entrada aos espectáculos do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado será de balde, mais dadas as limitacións de espazo e en atención á normativa sanitaria vixente, recoméndase, para garantir poder acceder ás funcións, facer unha reserva previa  a través do correo electrónico fiot.microteatroentrada@gmail, indicando nome do espectáculo, horario, nome e apelidos do espectador/a e teléfono de contacto.

Todos os horarios das funcións e novidades sobre os espectáculos están actualizados na páxina web do festival, www.fiot.gal, na que tamén se poden consultar os vídeos, sinopses ou citas de prensa dos diferentes espectáculos da programación.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica